Presentación

Sonsoles Martínez Jiménez nace en Pontevedra en 1981. A súa infancia transcorre entre Pontevedra e Tenorio, parroquia do concello de Cotobade. Aínda que dende idade moi temperá demostra ter un especial interese e sensibilidade pola música, non recibe as súas primeiras nocións de linguaxe musical ata os 8 anos a cargo da súa tía pianista Cristina Jiménez Juliá. Máis adiante iníciase na gaita co seu pai Fermín Martínez Gutiérrez quen, á súa vez, fora discípulo de Ricardo Portela Bouzas. Ambos os dous persoeiros marcarán enormemente a súa traxectoria musical.

Nos Trazantes de Tenorio continúa a súa formación entre 1993 e 1999 como música tradicional, recibindo clases de baile, pandeireta e canto tradicional con Fernando Martínez e de gaita con Iván Costa. En 1996 co grupo de baile dos Trazantes de Tenorio gaña o 1º Premio do Concurso de Baile Tradicional Xacarandaina. Así mesmo completa a súa formación con cursos impartidos por Pablo Carpintero, Iván Area e Carlos Núñez.

Como gaiteira solista obtén o 2º premio no I Concurso da Estrada en 1997 e, nese mesmo ano, é finalista no concurso Cantigas e Agarimos.

Co gaiteiro Juan Carlos Iglesias Esperón, e os percusionistas Alberto Costas Comesaña e Serxio Cobos forma o cuarteto tradicional O Roxidoiro, que obtén no 1998 1º Premio no «Memorial Manuel Texo» de Vedra e o 3º Premio no Concurso de Cuartetos Tradicionais de Ponteareas.

Comezan as actuacións que se prolongan ata a actualidade na compaña de músicos fundadores de Os Trazantes de Tenorio como Fermín e Andrés Martínez; tamén na compaña de Bárbara e Cristina Martínez, Esther Fernández, José Manuel Fernández, etc.

En 1999 comeza na Universidade de Santiago de Compostela os estudos de Historia da Arte na especialidade de Historia da Música e Patrimonio Artístico, que remata no 2004. Ao mesmo, realiza estudos de linguaxe musical, canto, coral e harmonía na Escola Estudo en Compostela con Ramón Bermejo e Javier Constenla entre outos. Cursa o I Posgrao de Música Tradicional Galega organizado pola USC, no que imparten seminarios persoeiros do mundo da etnomusicoloxía e da música galega como Carolina Robertson, Josep Martí, Dorothé Schubart e Luis Costa entre moitos outros, adquirindo o título de Especialista Universitaria en Música Tradicional Galega no 2005.

No 2006 traballa como Técnica en Dinamización Cultural na Asociación de Gaiteiros, e exercita novas técnicas de baile tradicional con Serxio Cobos.

Na actualidade cursa estudos de Percusión Tradicional con Xaquín Xesteira no Conservatorio da Escola de Artes e Oficios de Vigo e está centrada no ensino da música no ámbito privado na A.C. Os Trazantes de Tenorio (dende o 2004) e no público como profesora interina de ensino secundario na especialidade de música.