Táboa para a dixitación en pechado do Val do Lérez

23 Outubro, 2007 por Sonsoles

DixitaciónVelaquí tedes unha táboa na que se especifican as posicións da dixitación que empregamos na Aula dos Trazantes. Só están recollidas as notas da escala diatónica, é dicir, a escala natural, non a cromática. Máis adiante pendurarei unha táboa coas posicións desta última, pero, de momento, concentrádevos nesta. Táboa Dixitación Pechada

Vedes que falo de dixitación en pechado no Val do Lérez, isto é debido a que existen outros tipos de dixitación pechada dos que falaremos máis adiante. Nós seguimos ao mestre Ricardo Portela neste punto.

O importante é que lembredes que ao igual que existe unha dixitación en aberto, que é a empregada masivamente polos gaiteiros de toda Galicia e que está máis ou menos unificada; que perviven por outra banda dixitacións que se cre que son máis antigas e que son chamadas pechadas. Algúns estudosos, como Pablo Carpintero, defenden, acertadamente, penso eu, que a maior parte dos gaiteiros que mantiveron viva a gaita galega empregaban dixitacións mixtas, que non eran nen abertas, nen pechadas, senón que mesturaban segundo lles conviña.

Actividades:

  1. Falando de escalas diatónicas e cromáticas, alguén me pode falar un pouco máis polo miúdo da diferenza entre ambas?
  2. Igual que fixemos con Casto Sampedro, busquemos información na rede sobre Ricardo Portela, biografía, discografía. Seguro que me tedes escoitado falar del na aula, e é un persoeiro que nos queda moi próximo, alguén me sabe dicir por que?
Arquivado en Imaxes |

Deixar un comentario